Wednesday 08 de May de 2024

O Día Mundial do Medio Ambiente conmemórase na Pobra cunha recollida de lixo na praia da Corna


No 5 de xuño conmemórase o Día Mundial do Medio Ambiente e o Concello da Pobra do Caramiñal súmase ao proxecto Libera, impulsado por SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes. A Administración local pobrense adhírese así a unha recollida de lixo na praia da Corna dentro da campaña estatal Únete a 1 m² contra a “basuraleza”!

Para facilita-la asistencia das persoas interesadas, realizarase no día 3, de 10.00 a 13.00 horas. O punto de encontro será nas inmediacións do areal que hai tralo río Esteirón, na zona de Caíños.

A concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo, remarca que esta convocatoria tamén está aberta ás crianzas, sempre que vaian acompañadas dunha persoa adulta. Ademais, procederase coa caracterización de residuos para coñece-los que máis abundan. A edil fai fincapé na importancia deste tipo de iniciativas que buscan concienciar sobre a preservación das contornas naturais e implica-la cidadanía no coidado destas.

A retirada efectuarase de maneira manual con material proporcionado por Libera e contarase coa colaboración da Protección Civil no transcurso da actividade.

As inscricións formalizaranse a través do enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal ou do teléfono 669177829. Deberase indica-lo número de persoas participantes, nome e apelidos e un medio de contacto. Establécese un máximo de 20 prazas.